sábado, 24 de octubre de 2009

Sobre a resposta da Oficina de Reclamacións da USC

Logo de recibir todos resposta firme por parte da responsable de reclamacións da OAR da Universidade, os alumnos afectados polo cambio de normativa na matrícula do Practicum xa sabemos a qué aternos:

A Facultade, por boca do Decano Luis Míguez Macho, asegurou a AiD que todos os alumnos que desexen cursar o Practicum 2009/2010, estean matriculados na devandita materia ou non, participarán na adxudicación de prazas nos grupos internos e externos do Practicum.
Así pois, aqueles que presentasen a Queixa na Secretaría virtual son a efectos internos da Facultade tan alumnos de Practicum como os matriculados.
A única diferencia estriba en que a Unidade de Xestión Académica esixe uns trámites formais a seguir pola Xunta de Facultade que son requisito para poder matricularnos.

En resumo, os alumnos que presentaron Queixa e os matriculados participarán na elección de Practicum interno e externo. A Universidade deixarános matricular cando se resolvan requisitos formais, e iso pode ser dentro dun mes, de catro ou de sete.
Podemos estar todos tranquilos, que antes de Xuño estará arranxado (e, en condicións normais, tamén antes de Febreiro).

Un saúdo a todos e noraboa, todo está definitivamente claro.


Citamos a carta remitida aos estudantes que presentaron Queixa na Secretaría virtual porque non se puideron matricular de Practicum:

Estimado/a alumno/a,
En relación á queixa presentada por vostede sobre a imposibilidade de formalizar matrícula no Prácticum da Licenciatura en Dereito, e unha vez recabados os informes oportunos, comunícolle o seguinte:

1.- Consonte ó vixente Plano de Estudios da Licenciatura en Dereito impartida na Facultade, publicado por Resolución da Universidade de Santiago de Compostela de 25 de xuño do 2003 no Boletín Oficial do Estado núm. 184 do 2003, de 2 de agosto, e a corrección de erros publicada por Resolución de 1 de setembro do 2004, publicada no Boletín Oficial do Estado núm. 233 do 2004, de 27 de setembro, o "Prácticum" é unha das asignaturas troncais do segundo ciclo, cunha carga lectiva de 15 créditos prácticos.

2.- Para realizar o "Prácticum" é necesario que o alumno teña superadas as seguintes asignaturas troncais e obrigatorias do primeiro ciclo: "Dereito administrativo I", "Dereito civil I", "Dereito civil II", "Dereito civil III", "Dereito civil IV", "Dereito constitucional I", "Dereito constitucional II", "Dereito do Traballo e da Seguridade Social I", "Dereito do Traballo e da Seguridade Social II", "Dereito financeiro e Tributario I", "Dereito financeiro e tributario II", "Dereito internacional público", "Dereito mercantil I", "Dereito mercantil II", "Dereito penal I", "Dereito penal II", "Dereito procesual I", "Dereito público autonómico", "Institucións de Dereito comunitario" e "Introducción ó Dereito procesual".

3.- Con data 14/10/2009 o decano da Facultade de Dereito informou a esta Oficina do escrito enviado á Secretaría Xeral e á Vicerreitoría de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior da USC no que se di:
"Comunícolle que a Comisión Permanente da Xunta de Facultade, na súa reunión ordinaria do día 13 de outubro de 2009, acordou propoñer á Xunta de Facultade a modificación do plano de estudos da Licenciatura en Dereito para suprimir as prelacións que afectan á materia Prácticum. Tendo en conta a situación producida polas reclamacións presentadas contra o proceso de matricula do curso 2009/2010 pola imposibilidade de matricularse do Prácticum sen ter superadas todas as materias que lle fan prelación, prégolle considere o levantamento cautelar desa restrición de matrícula, á vista da modificación do plan de estudos que se vén de poñer en marcha".

4.- Unha vez que a Xunta de Facultade aprobe a proposta de modificación e a concrete, os órganos de goberno estudarán a posibilidade de levantamento das restricións actuais proposto polo Centro co obxecto de que se poda realizar a matrícula do Prácticum.

5.- Asemade, o Centro comunicou a esta Oficina de Reclamacións que, mentres non se levanten as devanditas restricións de matrícula, adoptará as medidas necesarias para garantir ás/aos alumnas/os afectados que poderán facer efectivo o seu dereito a cursar a materia unha vez que se lles permita matricularse. A tal efecto, o Centro porase en contacto individualizadamente co alumnado afectado.

Atentamente,

Mercedes Otero Losa
Responsable de reclamacións da Oficina de Análise de Reclamacións (OAR)

No hay comentarios: